A Xunta incumpriu o procedemento de declaración como proxecto industrial estratéxico da …
No Consello da Xunta do 24 de xuño acordouse a declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) a reapertura da mina de Touro. O acordo chegou xusto unha semana despois da filtración de documentación que demostra que a Xunta coñece e oculta o proxecto desde xaneiro.
A declaración como PIE require dun procedemento administrativo recollido no artigo 79 da Lei 1/2015 que regula a política industrial galega. Ese artigo, modificado en outubro de 2022, sinala no seu apartado 79.2 que, como paso preciso para a súa declaración, a Consellería de Industria ten que remitir aos concellos “a solicitude presentada coa documentación que a acompaña” para que, nun prazo de 15 días, os concellos notifiquen a súa “conformidade ou disconformidade” co plan urbanístico en vigor.
Manuel Taboada, alcalde do Pino: “Eu sei o que lin na prensa e o resumo que fan os luns no Consello da Xunta (…) Oficialmente aquí non chegou nada”
Dous días despois do acordo do Consello da Xunta que declaraba PIE o proxecto, celebrouse un pleno no Concello do Pino. O seu alcalde, Manuel Taboada (PP), confirmou que, para entón, non chegara ningunha documentación —nin a solicitude como PIE, nin todos os documentos que a empresa enviou á Xunta— e recoñeceu que se enterou do novo proxecto pola prensa: “Eu sei o que lin na prensa e o resumo que fan os luns no Consello da Xunta. Oficialmente aquí non chegou nada”. En resposta aos grupos municipais BNG e PSdeG, o alcalde do PP confirmou que o único que remitiu á empresa foron “informes técnicos” en materia de urbanismo que xa se fixeran “hai dous ou tres anos”.
No Concello de Touro, o alcalde Roberto Castro (Movemento Veciñal de Touro), explica que o único que recibiu o Concello foi “unha solicitude de informe de compatibilidade urbanística”. O mesmo trámite que, por exemplo, solicita unha cidadá cando quere poñer un galpón nunha finca. Afonda o alcalde que este informe é “un de moitos” dos que tanto a empresa como a Xunta veñen solicitando desde o ano 2017, mesmo despois da declaración de impacto ambiental (DIA) negativa ao proxecto anterior.
Ao preguntarlle ao alcalde de Touro polo artigo 79 da lei 1/2015, repite cal foi o único requirimento da Xunta: “Un informe de compatibilidade urbanística cun proxecto para coñecer o ámbito xeográfico que engloba e a súa actividade”. En ningún caso o concello notificou a conformidade ou disconformidade, como marca a lei, nin foi entregada toda a documentación que acompaña a solicitude como PIE, que pola documentación á que tivo acceso O Salto, componse de moitos máis anexos, proxectos técnicos de infraestruturas do proxecto e outras solicitudes.
Roberto Castro (MVT), alcalde de Touro: “O único que recibiu o Concello foi unha solicitude de informe de compatibilidade urbanística”
O 27 de xuño, esta redacción púxose en contacto coa Consellería de Industria para coñecer a información que se lle deu á veciñanza e preguntar pola documentación enviada aos concellos con anterioridade ao acordo do Consello da Xunta. Non obtivo resposta a ningunha das dúas cuestións. O certo é que, sempre segundo a versión dos concellos, a Xunta non tería cumprido co procedemento.
A catedrática en Dereito Administrativo Alba Nogueira, en consulta ao Salto, confirma que a Xunta tiña que ter enviado esa documentación no procedemento previo á declaración como PIE: “Esta lei xa retira competencias ás administracións locais e fai que o posicionamento do Concello en materia urbanística non sexa vinculante. Se aínda por riba lle quitas tamén a opción de amosar a súa disconformidade, estás baleirando totalmente o seu papel”.
Considera ademais que os efectos do PIE chocan directamente coa Lei 7/1985 de Réxime Local, que recolle que será a administración local quen “exercerá en todo caso como competencias propias” entre outras, a materia de urbanismo: “plan, xestión e execución e disciplina urbanística”. Ademais, lembra Nogueira a importancia de que cada Concello reciba toda a documentación do proxecto, e non só o ámbito xeográfico e o tipo de actividade. Este incumprimento, segundo Nogueira, podería rematar mesmo coa nulidade da declaración do proxecto como PIE. A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino advirte da “indefensión” das veciñas, que “non debería ser tomada á lixeira por ningún representante público”.
Sobre o posicionamento do Concello de Touro no novo proxecto, o alcalde Roberto Castro sinala que, polo de agora, “estase nunha fase de ruído porque non se sabe se o proxecto vai ir máis alá”. Aínda que o Goberno municipal non vai facer manifestacións a favor ou en contra ata que o proxecto sexa público, o alcalde sinala que nos últimos anos “houbo un greenwashing e unha batería de eufemismos segundo evolucionaba a resposta social” e asegura que, en todo caso, “defenderá os intereses da cidadanía”.
O novo proxecto mineiro para Touro
O 23 de xaneiro, a mineira de Touro enviaba a documentación e a solicitude para a consideración como proxecto industrial estratéxico do proxecto Cobre San Rafael. Tras a filtración da documentación, 133 colectivos posicionáronse en contra e, xusto unha semana despois, a Xunta acordaba declaralo estratéxico tras case medio ano no caixón.
Noutro dos documentos aos que tivo acceso ao Salto, Cobre San Rafael presenta a solicitude como unha “pequena” empresa, con tan só 16 empregados no último exercicio. Con todo, compromete un investimento de case 200 millóns de euros e a contratación, mentres dure a explotación mineira, de 394 persoas, tan só o 20% delas mulleres. O novo proxecto ocuparía máis de 800 hectáreas, contaría cunha balsa de residuos a poucos metros de Arinteiro e recolle tamén unha liña de alta tensión “LAT 66 kV Portodemouros – Touro”, adxunta tamén na solicitude como PIE, co seu correspondente documento ambiental e listaxe de propietarias expropiadas pola súa construcción.
Nos plans da empresa, as operacións na mina comezarían en setembro de 2027 e a construción no primeiro trimestre de 2025, aínda que semella imposible realizar os trámites e estudos para esa data. Con todo, a Conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, coincidía con eses prazos: “Nun ano e pico debería estar funcionando”, declaraba o día antes do acordo do Consello da Xunta. Cómpre lembrar que María Jesús Lorenzana, ademais de Conselleira, é a Presidenta da sociedade público-privada da Xunta, Abanca, Sogama e Reganosa que ideou e impulsou a celulosa de Altri na Ulloa.
A plataforma veciñal de Touro esixe unha reunión para que a veciñanza poida informarse do proxecto. Convidan ás Consellerías, Direccións Xerais e departamentos implicados no proxecto “a realizar unha visita guiada pola zona que se verá gravemente afectada se isto vai para diante”. E remata: «Sabemos que non poderán descartar esta invitación se realmente se deben ao pobo, xa que coa empresa sabemos que xa se reuniron, agora tócanos aos veciños e veciñas.”