
Que papel xoga Abanca no proxecto da celulosa de Altri en Galiza? – El Salto
O proxecto de macrocelulosa de Altri e Greenalia en Galiza sería inconcibible sen o traballo incansable de dous actores fundamentais: a Xunta e a sociedade público-privada Impulsa Galicia, participada maioritariamente polo Goberno galego (40%), Abanca (38%), Reganosa —controlada polo grupo propietario dos supermercados Gadis— (12%) e Sogama (10%).
Aínda que ao comezo, cando o relato da fábrica de fibras téxtiles do gabinete de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda aínda seguía en pé, non se agochaban. Asistían xuntos a presentacións formais co Goberno galego ou viaxaban a Bruxelas a buscar financiamento. Agora, despois da enorme contestación social e tras desvelarse tamén que a factoría que se pretende situar en Palas de Rei (Lugo) producirá en realidade 400.000 toneladas anuais de celulosa e subprodutos como xeso, as súas aparicións públicas esvaecéronse.
Ao comezo de todo este percorrido, finais do ano 2021, incluso os eufemismos eran outros. O proxecto que a sociedade da Xunta e Abanca presentaron chamábase ‘Xestión sostible dos bosques galegos’. O proxecto, lembran desde Impulsa, naceu nos despachos da Xunta de Feijóo: “Unha vez concibido o proxecto en Impulsa Galicia, contactouse cos líderes do sector a nivel mundial para presentarlles a oportunidade. Dentro deste proceso, leváronse a cabo negociacións minuciosas con catro grandes empresas de ámbito nacional e internacional con capacidade para executalo”, pódese ler aínda na presentación das primeiras informacións públicas arredor da factoría.
O negocio, constatan, era millonario: “Todas elas mostráronse interesadas pola dimensión do proxecto (…) Seguiuse un proceso de negociación equitativo, estruturado e homoxéneo cos potenciais socios promotores que se estendeu desde maio ata setembro de 2021. Finalmente, chegouse á firma dun memorándum de entendemento coa portuguesa Altri”. Alí callu todo.
Que é Impulsa Galicia realmente?
A pregunta ten difícil resposta. Nos papeis, Impulsa, que en realidade chámase Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos de Galicia SL, é unha sociedade público-privada promovida pola Xunta de Galiza para “axilizar iniciativas empresariais tractoras” creada ao calor da aparición dos fondos de recuperación económica da Unión Europea tras a pandemia de Covid-19, os Next Generation. Con ela, o Goberno do daquela presidente da Xunta, Núñez Feijóo, pretendía tender unha ponte entre a administración que dirixía e as grandes empresas da oligarquía galega para facilitar o seu acceso aos fondos públicos.
Precisaba unha entidade financeira que o avalase e aí apareceu Juan Carlos Escotet, o banqueiro venezolano presidente de Banesco que se fixo con Abanca tras a desastrosa xestión da fusión das caixas de aforro galegas. A famosa e torpe operación financeira avalada por Feijóo onde se dilapidaron 8.000 millóns de euros de diñeiro público e cuxos directivos acabaron en prisión.
O consello de administración de Impulsa é unha fotografía nítida dos intereses que se protexen tras o proxecto de fábrica de celulosa. A presidenta é María Jesús Lorenzana, a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta. O vicepresidente é Francisco Botas, conselleiro delegado de Abanca. Entre os seus conselleiros, por citar só un par, atópase o expresidente da Xunta, Fernando González Laxe; ou o secretario Eduardo Cortizo, responsable de asesoría xurídica de Abanca e secretario tamén do consello do Deportivo.
Opinión
Organizar o boicot contra Altri e Greenalia
O poder da oligarquía galega xa demostrou a súa capacidade para tirar adiante coa construción dunha fábrica de celulosa que boa parte de Galiza rexeita. Tras o visto e prace ambiental da Xunta, cómpre cambiar a estratexia de presión.
Unha sociedade medio pública, medio privada e enteiramente opaca
Da trastienda de Impulsa Galicia apenas se coñece a información que está presentada no Rexistro Mercantil. A pesar de ter unha participación maioritaria dunha entidade pública, a Xunta negouse durante os últimos catro anos a facer o máis mínimo exercicio de transparencia. A comezos do mes de abril, o Consello de Contas, ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego, reprendía á Administración autonómica por iso, reiterando que aínda non puxo en marcha a súa recomendación para “transparentar” as finanzas de Impulsa Galicia e Recursos Naturais de Galizcia, outra das sociedades cunha estrutura similar.
Trátase de dúas entidades nas que o Goberno autonómico actúa como “o socio de referencia que posúe a maior participación de todos os accionistas”, tal e como se recolle no informe económico-financeiro sobre as entidades instrumentais correspondente ao exercicio 2023, que o Consello enviou para tal efecto ao Parlamento galego.
Este informe, entre outras cousas, responde ás alegacións presentadas pola Xunta, aclarando que “en ningún caso” se cualifica a Impulsa Galiza nin a Recursos Naturais de Galiza como sociedades públicas autonómicas conforme aos criterios establecidos pola lei reguladora da administración xeral e do sector público autonómico de Galiza (Lofaxga).
Non obstante, o órgano fiscalizador resalta no traballo que “a existencia de indicio de control público ou, en todo caso, a innegable influencia pública significativa recomenda incrementar as esixencias de transparencia e control”, motivo polo que desestiman as alegacións da Xunta.
Ademais, sublíñase que diversos factores como a promoción pública, a configuración dos seus órganos de goberno, a situación en dependencias oficiais, a designación de responsables ou o dereito de veto en decisións clave evidencian “indicadores de control público e/ou influencia pública significativa” que a Xunta intenta pasar por alto.
Fronte a iso, o informe reprócalle que o Goberno de Rueda “non aprobou un marco normativo nin ten implantadas medidas de xestión que incrementen o nivel de transparencia e supervisión nestas entidades nas que a participación pública, aínda que poida non ser maioritaria, é moi relevante”.
Contas lembra que Impulsa Galiza “non rendeu contas nin se integrou nos orzamentos xerais”, e que “a Xunta de Galiza ten unha participación do 48,02% no capital e o 50% dos dereitos de voto”, apuntando ademais que a presidencia da entidade recae na conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Por todo iso, o órgano fiscalizador conclúe que “tendo en conta todos estes elementos, a Xunta de Galiza como accionista de referencia debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira desta entidade e para que a súa actuación sexa sometida a control público”.