A Xunta dá luz verde ambiental a unha planta de valorización de residuos non perigosos …
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír unha planta de valorización de residuos da construción e demolición (RCD) no concello ourensán de Celanova.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; da fauna e vexetación así como doutros valores naturais; do patrimonio cultural; do solo e das infraestruturas; a integración paisaxística e restauración ou a xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería.
A instalación, de valorización de residuos de construción e demolición ao aire libre, localizarase nunha parcela de preto de 7.400 metros cadrados de superficie no lugar de Outeiro, na parroquia de Cañón, xusto ao lado dunha planta de fabricación de formigón propiedade do promotor. O proxecto distingue diferentes zonas e espazos, como unha caseta para oficina, praia de descarga, área de triaxe, zona de almacenamento de residuos valorizados, contedores estancos para os refugallos rexeitados, unha área de traballo con machacadoras e unha balsa de lixivias para regar os residuos.
O promotor, Almacenes Miranda Celanova SL, establece a capacidade máxima prevista de recepción de residuos da construción e demolición en 46.000 toneladas ao ano, aínda que parte dun valor actual normal de recepción de 7.000 toneladas anuais. A estimación da empresa é valorizar preto do 80% para a produción de áridos (unhas 5.500 toneladas ao ano) e o rexeitamento de algo máis do 20%, unhas 1.500 toneladas ao ano.
Arredor do 27% dos materiais valorizados corresponderanse con anacos de formigón, outro 27% de tellas, algo máis dun 9% de restos de ladrillos e bloques cerámicos e o resto dunha mestura de todos os anteriores.